

prensa
La
Voz de Galicia
8 de decembro do 2007. A Coruña - O pulso da cidade
Maruja Campoviejo / Foto: César Quián
Arte coruñés
Na Asociación de Artistas, estos días móstrase a obra dunha creadora local. Non é a primeira vez que expón na sala de Rego de Auga Estefanía Domínguez, coruñesa de 36 anos que compaxina a súa paixón, a pintura, a ilustración e incluso a fotografía, co traballo para unha firma de productos artísticos, Royal Talens. Estudiou na escola Pablo Picasso, foi merecedora de múltiples premios e, en esta ocasión, ofrece ao público 28 obras. "Son óleos, acuarelas e ilustracións de técnica mixta", explica. "O que máis fago son paisaxes e naturezas, sobre todo galegas", recalca esta creadora que aposta polo realismo "e incluso o hiperrealismo". Non perdan unha pequena selección do seu traballo e pasen a ver a exposición. Estará aberta ata o día 13, de 19a 21 horas de luns a sábado, e os domingos e festivos, de 12 a 14.
El
Ideal Gallego
5 de decembro do 2007. A Coruña - Xente
Foto: Quintana
Estefanía Domínguez, en Rego de Auga
A Asociación de Artistas, na rúa de Rego de Auga, acolle desde onte a exposición da pintora Estefanía Domínguez. O acto da inauguración resultou ser moi concorrido. Foron decenas as persoas que se achegaron ata o recinto para coñecer a obra pictórica desta artista. A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro xoves, 13 de decembro.
La
Voz de Galicia
6 de decembro do 2006. A Coruña - O pulso da cidade
Maruja Campoviejo / Foto: KOPA
Pedras de arte no Camiño
De pedras a pedras. Empezábamos hoxe coas abigarradas pedras do Camiño de Santiago, e rematamos con outras igual de artísticas. Trátase da exposición da pintora Estefanía Domínguez, que baixo o título de Pedrafitas, mostra ata o día 16 , no Centro Cívico de Arteixo, a súa obra máis recente, na cal reflicte paisaxes megalíticos con tintes oníricos.
El Ideal Gallego
25 de setembro de 1998. A Coruña - Torre de Cristal
Roberto L. Moskowich
Tamén quero deixar constancia do éxito que está obtendo a xove pintora Estefanía Domínguez Cagigao, que o vindeiro luns, día 28, clausurará a exposición de 36 óleos que dende o pasado día 18 nos ofrece nos locais da Asociación de Artistas da Coruña, na rúa Rego de Auga, e que constitúe a mostra 1.178 das ofrecidas pola veterana colectividade herculina.
Nada na Coruña en 1971, Estefanía está graduada en Artes Aplicadas Deseño Gráfico, e é pintora e profesora de Artes Plásticas. A súa vocación temprá supúsolle conseguir éxitos moi madrugadores, e así vemos que o seu primeiro premio o acadou con só 11anos de idade, no certame de debuxos infantís sobre educación vial da Dirección Xeral de Tráfico e o Ministerio do Interior.
Dende entón moitos máis premios, éxitos e exposicións colectivas e individuais marcan a súa carreira como pintora.
La Voz de Galicia
22 de setembro de 1998. A Coruña - O pulso da cidade
Pablo Portabales / Foto: Eduardo
Xove, simpática e artista. A verdade é que Estefanía Domínguez Cagigao o ten todo. Leva máis de quince anos pintando e os últimos catro, de xeito profesional. Dende nena, víase que o seu ía se-la pintura. Con 11 aniños gañou o primeiro premio do certame de debuxos infantís sobre circulación vial promovido pola Dirección Xeral de Tráfico e con 19 recibíu outro galardón, neste caso nun concurso de felicitacións de Nadal. Na actualidade, con 27 anos, é profesora de actividades da APA do colexio das Escravas e da Asociación Xuvenil Xacarandaina. Agora acaba de inaugurar unha mostra dos seus óleos na Asociación de Artistas, na rúa Rego de Auga. Preséntanos nesta exposición 36 cadros, nos cales recoñecemos paisaxes de Mera, Caaveiro, Cambre, Baldaio e outros moitos lugares plasmados con maestría.
La
Voz de Galicia
11 de setembro de 1998. Pontevedra - Arte
Redacción / Foto: Marloy
Óleos de Estefanía Domínguez en Santa Cecilia
A artista coruñesa Estefanía Domínguez Cagigao ofrece unha colección dos seus últimos traballos na sala de arte do Ateneo Santa Cecilia de Marín, na rúa Caracol 36. Trátase dunha treintena de óleos que reflicten a paisaxe galega. Son obras de pequeno formato nas que destaca a luz e a cor forte, con tonalidades azuis e verdes que dan unha sensación de gran luminosidade. Graduada en Artes Aplicadas e Deseño Gráfico, Estefanía Domínguez amosóuse ilusionada coa acollida dispensada polo público marinense as súas obras, enmarcadas nun realismo puro. Ademáis das paisaxes, presenta, fora de catálogo, un retrato da princesa Diana, desaparecida hai agora un ano. Tras esta exposición, que se clausura o domingo, ten previsto abrir o vindeiro 18 unha nova mostra na Asociación de Artistas da Coruña.
La Voz de Galicia
10 de setembro de 1998. Pontevedra - Marín
J.S.P / Foto: Junior - MarínFoto
A pintora coruñesa Estefanía Domínguez expón con éxito os seus cadros ó óleo no Ateneo
Estefanía Domínguez Cagigao expón na sala do Ateneo Santa Cecilia óleos da súa obra que atoparon unha gran receptividade entre o público que baixa cada día á sala para ve-la mostra desta autora coruñesa.
Tóda-la vida pintando. Confésase pintora dende sempre "dende moi pequeniña sentín esta afición aínda que podo cifrar nuns dez os anos que levo pintando "en serio" ó óleo e, dende 1994, adícome profesionalmente a esto".
Estefanía estudióu na Escola de Artes Aplicadas da Coruña especializándose en Deseño Gráfico aplicado ó libro. "Ademais recibín clases particulares de óleo e outras técnicas que domino. En realidade gústame investigar e practicar en todas elas".
Resurxir da pintura. Estefanía Domínguez resalta que neste momento hai un resurxir da pintura no sentido de que son moitas as persoas que a estudian e a practican. "Cada vez enténdese máis deste arte"- di e ademais confesa que non é sinxelo vivir da pintura. "Precísase paciencia, un pouco de sorte e te-lo moi claro".
A esta artista coruñesa gustaríalle ter un cadro na National Gallery de Londres e seguro que algún día o conseguirá.
Diario de
Pontevedra
7 de setembro de 1998. Marín
D.P.
Estefanía Domínguez expón as súas obras no Ateneo Santa Cecilia
Estefanía Domínguez Cagigao expón dende o pasado venres na sala do Ateneo Santa Cecilia. Ten o título de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos na especialidade de Deseño Gráfico. O seus premios varían dependendo en qué etapa da súa vida os conseguíu: tanto os hai infantís como xuvenís e absolutos.
As súas exposicións comezaron no ano 90, ós 19 anos, con poucas obras pero en lugares representativos da Coruña. A súa maior exposición foi o ano pasado na Biblioteca Municipal do Concello de Cambre ( A Coruña ) con 48 óleos. Tamén nos anos 95, 96 e 97, incluíu varias obras no Catálogo do Certame de Artes Plásticas da Xunta de Galicia.
Interesante. Esta interesante mostra estará aberta ata o vindeiro día 13 deste mes, no horario habitual da sala: de once a unha polas mañás e de seis a nove e media polas tardes.
Os grandes amantes da arte teñen unha boa oportunidade para disfrutar.
Faro de Vigo
4 de setembro de 1998. Marín
Julio Santos Pena
Hoxe inaugura a súa exposición no Ateneo a pintora Estefanía Domínguez Cagigao
O Ateneo Santa Cecilia abre hoxe a súa sala de exposicións para albergar unha mostra de óleos da pintora Estefanía Domínguez Cagigao, que permanecerá aberta ata o día 13 de setembro con horas de visita habituais na sala. Nada na Coruña e graduada en Artes Aplicadas-Deseño Gráfico, Estefanía é tamén profesora de Artes Plásticas e conta con numerosos premios tendo exposto xa a súa obra en numerosas salas. As persoas interesadas en ve-la mostra poderán acceder á sala de 11 a 1 polas mañás e de seis a nove polas tardes a excepción dos festivos nos que abrirá só de 12 a 2.
El Ideal Gallego
8 de xullo de 1997. Novas da Coruña - Área Metropolitana. Cambre
Biqui Cabado / Foto: Gago
A PINTORA EXPÓN A SÚA OBRA EN CAMBRE
Estefanía Domínguez: "Gustaríame ilustrar libros no futuro"
A xove artista coruñesa leva seis anos dando clases de artes plásticas na asociación "Xacarandaina"
Aquelas fabulosas aptitudes para o debuxo que tiña de nena resultaron se-las precursoras dun presente profesional de lápises e pinceis. Despois de rematar COU e realiza-la proba de selectividade, Estefanía Domínguez Cagigao decidíu matricularse na escola de artes aplicadas "Pablo Picasso" da Coruña para cursar estudios de deseño gráfico. A súa formación académica transcurríu paralela ó pintado de retratos e á toma de clases de pintura na asociación "Xacarandaina", onde xa é profesora. Con 26 anos, o futuro ideal sería dispoñer dun estudio, ilustrar a mitoloxía galega e poder gaña-la vida completamente coa súa creación artística.
- A paisaxe galega, de lugares como Verdes, Sigrás o Caaveiro, é a protagonista na maioría dos cadros que se expoñen en Cambre.¿Trátase dun tema recurrente?
-Interésame reflectir as paisaxes que teño máis preto, que ademais son as que máis me gustan. A terra tírame moito e me encanta o tradicional.
-Todas son obras realistas, ¿tamén se decanta por esta tendencia como espectadora da arte?
-Son admiradora de Antonio López, e dos hiperrealistas, e en xeral, dos clásicos españois como Velázquez ou o Greco, e outros como Matisse ou Van Gogh. Pero non descarto as vangardas e estilos abstractos; creo que un artista debe coñecer toda-las posibilidades e escoller aquela coa que se sente máis cómodo.
-Fai traballos en acuarela, óleo, debuxo, pastel...¿Ten predilección por algunha técnica en concreto?
-Sinto unha especial preferencia pola primeira , quizáis porque me gustan demasiado os acabados transparentes e suaves, case etéreos.
-¿Cales son as súas aspiracións?
-Gustaríame ser ilustradora de libros. Espero poder ilustrar a mitoloxía galega algún día. Nestes intres estou preparando a vindeira exposición - concertada ata agora - que se abrirá en setembro do 98 no Ateneo Santa Cecilia de Marín.
El Ideal Gallego
3 de xullo de 1997. Novas da Coruña - Área Metropolitana
Biqui Cabado
A pintora Estefanía Domínguez expón as súas obras en Cambre
Ás 20:30 horas de hoxe se inaugura na sala de exposicións da Biblioteca Municipal de Cambre unha mostra pictórica da creadora coruñesa Estefanía Domínguez Cagigao. Un total de 48 cadros ó óleo compoñen a colección marcada temáticamente polas paisaxes galegas de zonas tan próximas á cidade herculina como Cambre ou Caaveiro. A exposición poderá ser visitada ata o día 11 en horario de once da mañá a dúas da tarde. Cabe destacar que a mencionada pintora rematou os seus estudios de Artes Aplicadas na escola Pablo Picasso e que actualmente exerce como profesora de Plástica na asociación Xacarandaina.
créditos / dereitos de autor / contacto / enlaces
© 2006/07/08 Estefanía Domínguez. Tódolos dereitos reservados.
Prohibida a reproducción total ou parcial da obra sen o previo consentimento por escrito da autora.